20 dic 2012

BO NADAL



O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Isaac Díaz Pardo de Sada
deséxavos un bo Nadal e a mellor entrada posíbel neste ano 2013 que nos chega 
cargado de incertidumes e de sacrificios.
Saúde e forza para cambiar para mellor este mundo.
Lembrádevos de que o mellor agasallo é o galego.
Entre todos.
EDLG



4 dic 2012

DÍA DE RODAXE


Hoxe, sábado 1 de decembro, foi día de rodaxe para a produción "Fontes e lavadoiros no concello de Sada".  Pasamos por Pazos para recoller a Filuca López Rodríguez (naceu vai para oitenta anos no lugar da Pedreira, en Carnoedo). Dirixímonos ao lavadoiro de Carnoedo onde xa de nena ía lavar a roupa. Alí, fíxonos unha demostración de como era o proceso de lavado da roupa. Despois, para asombro de todos, colleu unha sella, botouna á cabeza e deu un paseo con ela. Moitas grazas por todo, Filuca!


Carmen Castelo Monteagudo, Xefa López Rodríguez, Javier González Garrido, Salomé Monteagudo López, Gloria Castelo Monteagudo, Filuca López Rodríguez, Xosé Seoane, Adrián Riveiro, Manuel Couce e Daniel López Conde.

30 nov 2012

EQUIPO DE DINAMIZACIÓN DA LINGUA GALEGA

O equipo non tería sentido sen eles. O futuro da nosa lingua, depende de vós.


Alumnas e alumnos que forman parte do EDLG do IES Isaac Díaz Pardo de Sada.

28 nov 2012

ELECCIÓNS AO CONSELLO ESCOLAR 2012

Presentámosvos a primeira produción de "Gallaecia filmes", a produtora de audiovisuais do EDLG do IES Isaac Díaz Pardo de Sada.  Trátase dun sinxelo anuncio que quere fomentar a participación do alumnado no proceso de elección dos seus representantes no consello escolar do instituto. Adrián Riveiro (cámara) e Daniel López (montaxe), dous alumnos de 4º da ESO, son os realizadores do documento.



27 nov 2012

INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN "QUERIDO BALBINO"

O luns 26 deste mes de santos, o IES Isaac Díaz Pardo recibiu a visita do entrañable e querido Xosé Neira Vilas, co gallo da inauguración oficial (con presenza das autoridades) da exposición que conmemora o cincuenta aniversario da publicación de "Memorias dun neno labrego" (1961). Agardamos que axiña vos poidamos ofrecer un pequeno documento audiovisual coas súas palabras. Mentres tanto deixámosvos un par de fotografías do acto.




11 nov 2012

RODAXE DE GALLAECIA FILMES


Hoxe, sábado 10 de novembro de 2012, iniciamos a rodaxe da primeira produción de Gallaecia Filmes, o documental Fontes e lavadoiros no concello de Sada. A pesar das inclemencias meteorolóxicas, a chuvia permitiunos gravar as imaxes que tiñamos previstas.

Adrián Riveiro, Manuel Couce, Daniel López, Lúa Garea, Cristina Braña, Francisco Pérez Porto, Xosé Seoane, Manuel Pérez Lorenzo e Laura Pita na fonte de Cerámicas do Castro.


O equipo de traballo: Manuel Couce a Adrián Riveiro (axudantes de cámara), Daniel López (narrador), Lúa Garea e Cristina Braña (axudantes de produción), Javier González Garrido (realización) na Fonte Labarrosa.

23 oct 2012

I CICLO DCINE "NOVEMBRO DE MEDO"





LUNS (animación)
VENRES
The lady and the Reaper (8’ 20’’) Cosecha grotesca (4’ 41’’)
Rejuvenate (5’ 10’’)
Los suegros (7’ 49’’)
Un cuento antes de dormir (6’ 0’’) Vincent (De Tim Burton, 5’ 49’’)
Zippo (9’ 37’’)
Mamá (3’ 18’’)
The sandman (9’ 47’’)
10:15 (10’ 14’’)
A lenda do espantallo (10’ 12’’)
Stay (8’ 57’’)

15 oct 2012

GALLAECIA FILMES


 Xa podes ver a cabeceira oficial de introdución de todas as producións de Gallaecia Filmes, a produtora de cinema que acabamos de crear no IES Isaac Díaz Pardo de Sada ao abeiro do Equipo de Dinamización da Lingua Galega.
     Participa e deixa os teus comentarios.



12 oct 2012

Proxecto DCine


Velaquí tedes o logotipo do proxecto DCine que inclúe a creación do ESPAZO DCine no IES Isaac Díaz Pardo e da produtora Gallaecia FILMES ao abeiro do Equipo de Dinamización da Lingua Galega.


Xa estamos iniciando o primeiro proxecto documental. Se queres participar, ponte en contacto con Xosé Seoane, profesor de galego.

6 oct 2012

GALLAECIA FILMES


PARTICIPA NA PRIMEIRA PRODUCIÓN AUDIOVISUAL DE GALLAECIA FILMES

Mulleres de Sada transportando auga dende a fonte Labarrosa arredor de 1950/60? 

     Queremos realizar un documental sobre fontes e lavadoiros no concello de Sada. Para iso necesitamos documentarnos. Precisamos o testemuño de persoas maiores que recorden como eran e onde estaban as fontes, de mulleres que de mozas lavaban a roupa nos lavadoiros. Queremos que nos conten as moitas anécdotas que ao carón destes lugares públicos xurdiron. Queremos tamén acceder a todas as fotografías antigas que estean relacionadas coas fontes e lavadoiros. Fala cos teus avós, coas túas avoas, cos veciños e veciñas de máis idade do lugar onde vives (concello de Sada) e pídelles que fagan memoria, que busquen nos seus álbums de fotografías.

     Se podes axudarnos nesta fase de documentación deixa o teu comentario nesta entrada; pon o teu nome e curso. Tamén te podes poñer en contacto con Xosé Seoane, profesor de galego do IES Isaac Díaz Pardo. 

Mulleres collendo auga na fonte da praza de San Roque alá polo 1920. 

     Grazas pola túa colaboración. Entre todos podemos facer realidade este proxecto.
Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Isaac Díaz Pardo de Sada

FONTES E LAVADOIROS NO CONCELLO DE SADA


     Trátase dun primeiro achegamento fotográfico ao tema do primeiro documental de "Gallaecia filmes", a produtora do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Isaac Díaz Pardo. Con esta presentación queremos explicar o noso proxecto de documental para que deste xeito todos os sadenses nos fagan chegar as súas fotografías, testemuños...