9 nov 2014

ROTEIRO OTERIANO

O pasado xoves, 29 de outubro, fixemos o Roteiro Oteriano, aquí temos a mostra do traballo realizado: visita guiada ao mosteiro de Oseira, visita á casa museo de Otero Pedrayo, paseo pola cidade de Ourense atopando as referencias aos escritores ourensáns: Otero, Blanco Amor, Risco e finalmente baño nas Burgas… Un día moi completo de actividade cultural e nun ambiente relaxado de risas e diversión entre os alumnos de 4º ESO. Bo traballo rapaces!

26 oct 2014

GHALEGHO

Como ben sabes o "gh" utilízase para representar na escrita o noso rasgo dialectal da gheada, ese rasgo que nos fai rir cando o escoitamos na clase, porque é moi "ghañán", así falan os do monte… fóra prexuízos rapaces, fóra complexos,  síntete orgulloso de como falan teus pais e teus avós: non é castrapo é GHALEGHO.
Escoitade a estes rapaces que están arrasando na rede.

21 oct 2014

SAMAÍN

Xa estamos en outubro, chegou o outono e con el o Samaín. Un ano máis o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Instituto está a preparar unha sorpresa terrorífica para os alumnos de 1º e 2º de ESO.
O próximo mércores 29 de outubro os alumnos de 1º ESO subirán á biblioteca para asistir á celebración do Samaín, os alumnos de 2º de ESO asistirán o xoves 30.
Cal será o personaxe protagonista deste ano? O LOBISHOME non pode ser, porque xa nos acompañou hai dous anos; a SANTA COMPAÑA tampouco, porque veu o ano pasado; quen nos visitará esta vez?

Non esquezas traer cabazas, o medo xa cho poñemos nós!!!


Aquí temos o resultado desta actividade. Neste vídeo están os alumnos de 1º ESO, pero proximamente subiremos as fotos dos alumnos de 2º ou a estes levaríaos a Maruxaina co son das súas cornas?

6 jun 2014

GALEGO, O PASO ADIANTE

Xa podedes ver a montaxe audiovisual realizada por "GallaeciaFilmes" titulada "Galego, o paso adiante" e que participou no Correlingua 2014.

https://www.youtube.com/watch?feature=player_embedded&v=_VZgNYFLkqE

4 jun 2014

CORRELINGUA 2014

Aquí estades os alumnos e alumnas de 3º ESO, un ano máis participando no Correlingua, este ano ademais de asistir á carreira pola defensa da lingua galega, disfrutastes de ter gañado o premio do Manifesto.

                        NORABOA RAPACES!
                                                          BO TRABALLO!

    



23 may 2014

ACTO AO QUE NON PODES FALTAR

O vindeiro venres día 30, no auditorio da casa da cultura Pintor Lloréns de Sada, ás 17:00 horas, presentación das últimas curtametraxes da produtora de audiovisuais do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Isaac Díaz Pardo.


16 abr 2014

FINALIZACIÓN DE RODAXE

O pasado luns, día 14 de abril, na casa da cultura de Sada, rematamos a gravación do proxecto audiovisual "Primeiros Versos", levado a cabo por un grupo de alumnos e de alumnas do IES Isaac Díaz Pardo. Son seis as producións realizadas a partir de poemas de seis autores galegos. As montaxes levan os títulos:
  • "Ondas do mar", baseada nunha cantiga de Martín Códax.
  • "Campos de soidade", baseada no poema "Pra a Habana!" de Rosalía de Castro.
  • "Miña pomba dourada", baseada no poema "No niño novo do vento" de Álvaro Cunqueiro.
  • "Galego, a chave do mundo", baseada no poema "A fala" de Manuel María.
  • "Paixón e compromiso", Baseada no poema "A amizade ten flor que..." de Luísa Villalta.
  • "Coas pálpebras baixas", baseada no poema homónimo de Montse Yoldi.

Axiña esperamos compartilas con todos vós. Estade atentos; merece a pena a letra, a música, as imaxes, a voz e a montaxe de cada unha das curtametraxes (tres minutos de duración cada unha delas). Con estas producións pretendemos tamén facer un primeiro achegamento á poesía galega. Este proxecto terá continuidade no vindeiro curso.

Con estas seis "curtas" participamos no concurso de vídeo poesía PALABRASINPAPEL.
Parabéns para a ducia de alumnos e alumnas do noso instituto que fixeron posible este proxecto. Terémosvos informados.

Na fotografía: Héctor, Antón e Carla, de 1ºB de bacharelato.

9 abr 2014

O EDLG DO IES ISAAC DÍAZ PARDO GAÑA O CONCURSO DE MANIFESTOS DO CORRELINGUA 2014

Manifesto gañador do Correlingua 2014.
Redactado polos AMENEIROS, alumnos e alumnas de 3ºA do IES Isaac Díaz Pardo, baixo a coordinación das profesoras Ana Álvarez e Pilar García.


GALEGO, O PASO ADIANTE
E nunca máis un paso atrás, NUNCA MÁIS!!!!
Trazamos un camiño
que arranca esta mañá co Cola-Cao e os cereais.
Bos días en galego, por que non?
Espreguízome con Doraemon, que saca do seu peto máxico o Xabarín Club.
Baixo os chanzos da escaleira, saio da casa co pé dereito, coa mochila e co noso galego.
E xa estou no mundo, no meu  mundo, no teu mundo galego!!
GALEGO,  O PASO ADIANTE
Miraremos atrás só para disfrutar do moito que avanzamos.
Os meus amigos espéranme na rúa,
- EH! Viches que cambiei o meu perfil?
Si, eu dei o paso adiante co galego.
A que esperas ti?
- Quen nos ía dicir que estaría ben  whassapear en galego!. Non si?
- Abofé que si.
GALEGO, O PASO ADIANTE
- Pincha hoxe mesmo no “hashtags”do teu Twitter:
                              # GALEGO
e verás cantos estamos conectados no mundo.
GALEGO, O PASO ADIANTE
Esta nosa Penélope que  tece e tece no galego
e NUNCA DESTECE.
Paso a paso construímos un mundo novo, o noso mundo, o noso mundo futuro, co noso idioma galego. Somos NÓS os que decidimos onde empregalo,  alí onde vaiamos: no instituto, na vila ou  na cidade, tanto ten: virá con NÓS.
GALEGO, O PASO ADIANTE
Este fío invisible e forte que é a lingua vén ao noso carón alá onde vaiamos; ensinémoslla ao mundo en twiter, en facebook...
poñamos o xermolo en cada faro,en cada deserto,en cada estrada,en cada boca que desperta ao mundo.
GALEGO, O PASO ADIANTE
O paso que damos nós cara ao futuro,
nós, si
nós decidimos  empregar a nosa lingua.
GALEGO, O PASO ADIANTE
Nos camiños do mundo enteiro, haberá un corazón galego que latexará co noso acento: sen pudor, sen vergoña , sen prexuízos que abafen a nosa valentía e a nosa responsabilidade de representar a Galicia.
Porque nos une, porque nos fai máis fortes e porque nos identifica na “tea dos teus soños”  DÍAZ CASTRO.