29 nov 2015

MALIA A SÚA MORTE, SEMPRE ESTARÁ CONNOSCO

Xosé Neira Vilas morreu o pasado venres 27 de novembro, mais sempre nos acompañará. A mellor homenaxe que lle podedes render é ler a súa obra.
Compartimos estas fotografías que recollen a última vez que nos acompañou no instituto. O motivo fora a conmemoración do 150 aniversario do nacemento do ilustre sadense, Manuel Lugrís Freire (1863-1940).




24 nov 2015

POLO NADAL, HUMOR E RETRANCA

Por Xaquín Marín.


ENTREGA DE PREMIOS "OUFF ESCOLA 2015"

O pasado 16  de novembro, alumnos e alumnas do noso centro desprazáronse a Ourense para recoller o premio "Blanco Amor" ao mellor guión cinematográfico pola produción de GallaeciaFILMES "Fontes e lavadoiros no concello de Sada". Velaí tedes un par de fotografías do acto que se desenvolveu no auditorio municipal.



4 oct 2015

CONVERSAS

CONVERSAS  é un proxecto pensado para recuperar a esencia do "sermos galegos" a través da palabra. Unha das mellores maneiras de contribuír a iso é escoitando os nosos maiores.
O venres 23 de outubro, ás 20:00 horas, na casa da cultura "Pintor Lloréns" de Sada, podes participar neste proxecto asistindo ao acto no que se presentará este documental. Ademais, haberá unha pequena actuación musical de alumnos e ex-alumnos do teu instituto.
Non faltes.

29 sept 2015

SABES QUE?

Ferrol é a cidade máis desgaleguizada en termos idiomáticos.



    FONTE: IGE, 2011

     Atendendo a estes resultados a cidade máis desgaleguizada en termos idiomáticos é Ferrol, non só por amosar a menor porcentaxe de falantes habituais de lingua galega, un 12% do total, senón tamén porque é o espazo urbano no que máis veciñanza di non falar "nunca" galego, un 23% que a sitúa moi por riba da media galega. Tamén están por riba desa media do 11% as cidades da Coruña, Vigo, Pontevedra e Lugo, mentres que quedan por baixo Ourense (11%) e Compostela (8%). Nas sete cidades o grupo de poboación máis numeroso é o que di falar galego "ás veces".

MOBILIZARSE POLO GALEGO É MÁIS NECESARIO CA NUNCA

19 jul 2015

ENTROIDO

Con moito retraso, porque durante o curso non hai tempo para facer as montaxes coas fotos das moitas actividades nas que participades, pero aquí tedes unha pequena presentación de Kizoa cos disfraces do entroido. Espero que vos guste!

22 abr 2015

POSADOIRO CORRELINGUA 2015

Como vén sendo habitual neste Equipo de Dinamización, acudimos á chamada que dende a organización do CORRELINGUA 2015 nos propoñen, esta vez sorprendéronnos cunha apetecible actividade: posar diante dun cartel con textos que defendesen, promocionasen o uso do galego, ou mesmo co lema desta convocatoria: GALEGO, A NOSA CREACIÓN COMÚN.
Pois aquí estamos, un grupiño de alumnos de 1º bacharelato e outro de 4º de ESO dispostos a rir, a pasalo ben e a promocionar o uso do galego entre a rapazada nas redes sociais.
Xa estamos no facebook do Correlingua
E Xosé Seoane preparounos este vídeo a modo de reportaxe sobre o que deu de si este POSADOIRO.
A canción que o acompaña é "Morrer en Jalisia" de MONOULIUS, 2º premio do Cantalingua 2015

10 abr 2015

O XORNAL DAS BRAÑAS

Presentámosvos o xornal dixital do noso instituto: O xornal das Brañas.
Está elaborado polos alumnos e alumnas de 1º bacharelato, matriculados na materia de TIC, coordinados pola súa profesora, Patricia Iglesias, e revisado polo Equipo de Dinamización.
Xa vedes que é o resultado dun traballo en equipo de moita xente, esperamos que vos guste e contamos coa vosa opinión e coas vosas colaboracións para poder melloralo.

PINCHA AQUÍ PARA ACCEDER

8 abr 2015

CORRELINGUA 2015

Xa temos vídeo gañador desta edición do Correlingua 2015. Parabéns aos alumnos/as do CPR Sagrada Familia de Aldán. Aquí deixamos o vídeo para que o poidamos rapear: O galego é de todos.



Nós tamén participamos, coma todos os anos a nosa produtora GALLAECIA FILMS traballou duramente e con ilusión para fomentar o uso do galego entre os máis novos. Grazas rapaces e grazas a Xosé Seoane pola súa enorme implicación neste proxecto.

                           

24 mar 2015

Balor na acción dunha cadeira

Alumnos do IES Isaac Díaz Pardo asisten ao teatro
O venres 6 de febreiro, os alumnos de 3ºESO B, interromperon a clase de Bioloxía para coller o bus que os levaría ao teatro Colón da Coruña. Asistimos á representación da obra "Balor na acción dunha cadeira", unha peza de teatro escrita por un ex alumno do colexio "Sada y sus Contornos", Roi Fernández. 
A obra  reconstrúe a dureza da viaxe , a chegada e o asentamento  dos nosos emigrantes na sociedade americana  dos anos 20: a lei seca, a difícil convivencia nos peiraos neoiorquinos entre as comunidades irlandesa e galega, o movemento obreiro, os contactos co mundo da cultura: a literatura, cine, música… todo se reconstrúe a partir dun anaco de fita cinematográfica xa balorecida polo paso do tempo, nese pequeno fragmento aparece unha nena bailando sobre unha cadeira.
 Roi é o bisneto dun dos emigrantes sadenses. Isto foi o que o fixo investigar sobre a orixe da 'Sociedade de Sada y sus Contornos' da cal o seu bisabó era membro. 
Impresionounos moito a posta en escena: fotografías que se proxectaban sobre o escenario á vez que os actores interpretaban, voz en off que nos explicaba e citaba textos … todo xunto conseguía facernos entender e visualizar a dureza do mundo que alí atoparon os nosos emigrantes.
 Finalizada a obra, collemos o bus con mágoa, porque saír da sala do teatro Colón e entrar na última clase do día, Lingua galega e literatura, foi un gran contraste. Pero o obxectivo estaba cumprido: a peza teatral deunos a coñecer  a historia da emigración sadense, a creación da fundación xa mencionada e a do colexio de Sada aos alumnos de terceiro de ESO.
         

Miguel Mosquera, alumno de 3º B


12 feb 2015

BICOS CON LINGUA


O día 27 de xaneiro tivemos unha saída ao teatro. Púxemonos en marcha nada máis chegar ao instituto, e , unha hora máis tarde, estabamos en Santiago, chegamos cedo ao Salón Teatro, así que tivemos tempo libre mentres a compañía Talía Teatro ensaiaba.
 Cando sentamos na sala , e chegaron os demais institutos, a obra comezou. Apareceron dous homes, e o primeiro que fixeron foi falarnos da súa lingua, a protagonista da representación, neste caso, o galego.
A obra conseguiu engancharnos dende o primeiro momento, en cada unha das escenas expoñía un prexuízo lingüístico con moitísimo humor. Dende que somos pequenos ata a morte, xa que na última escena representábase o futuro, un futuro no que o galego se convertirá nunha lingua morta, isto fíxonos reflexionar a todos. Realmente o espectáculo fíxonos recapacitar, e dunha maneira entretida, os cincuenta minutos pasaron voando, xa que falaba de cousas cotiás, mesturadasdas con humor e destinadas aos mozos.
 Cando rematou a obra déronnos tempo para pasear pola cidade , algúns ata nos perdemos no regreso ao teatro. En resumo, foi unha saída moi atractiva, a obra sinceramente sorprendeunos moi positivamente, porque case todos pensabamos que sería un tostón de teatro, pero pásamolo ben, e pola nosa parte gustaríanos repetir.                                                                  Aitana e Aurora, 4º ESO-A